Benvidos á Illa de San Simón!
A illa onde todo é posible, onde todo pode suceder.
Aquí, entre as pedras aparecen monstruos mitolóxicos como a Coca de Redondela ou lendas de piratas e corsarios como vikingos e Francis Drake.
Temos un santo sen mans, que din que lle romperon para atopar un tesouroe falando de tesouros… entre nós e a Praia de Cesantes podemos albiscar unha estatua do Capitán Nemo e dous buzos á procura do Tesouro de Rande. Ingleses, holandeses, casteláns, franceses… todos pelexando polas riquezas do novo mundo, todos pelexando na Batalla de Rande. A solución para manter a formación defensiva? Unha longa cadea tendendo pontes defensivos entre as dúas liñas de costa do estreito de Rande. Pontes, como a ponte actual, como as pontes que se tenden entre a rapazada durante estes 8 días.
Cárcel, lazareto, abadía… San Simón esconde máis de 1000 anos de historia. Sempre presente na vida das xentes dos arredores. Presente como a música, como as cancións populares, como as cantigas de amigo que desde aquí cantaban Martín Códax e Mendinho, cantando sempre na Illa, cantando sempre ó Mar de Vigo.
Ondas do mar de Vigo…
Se vistes meu amigo…
Amigos son os que se crean durante o camiño,
durante a viaxe,
durante a maxia de 8 días convivindo con xente descoñecida ata que te decatas que non,
que non son descoñecidas,
que xa son as túas amigas
e que moi probablemente endexamáis esquecerás.
Porque aquí, en San Simón todo pode suceder
e na Illa o presente é indefinido
porque de campamentos así ten que ser.
Iago (Director do Campa de San Simón)

