Xa de volta á rutina, e co corazón aínda cheo de lembranzas, recordamos o vivido este veránl. Foron días intensos nos que fixemos novos amigos, reencontrámonos con vellos compañeiros de aventuras e compartimos centos de risas, xogos e momentos inesquecibles. A maxia estivo sempre presente, acompañados polas nosas personaxes favoritas, que nos guiaron en cada actividade e nos animaron a deixar voar a nosa creatividade.
Este ano, ademais, puxémonos en modo viaxeiros cunha experiencia moi especial: cada semana exploramos un mundo distinto do noso particular parque de atraccións de Disney. Con cada película que viviamos, iamos completando o noso pasaporte con selos e pegatinas, que se converteron nun recordo único de todo o percorrido.
Non faltaron as actividades que máis nos fan sorrir: desde crear elfos de auga con xel, figuriñas con hama beads e mosaicos de cores, ata deixarnos sorprender con experimentos explosivos, pompas de xabón xigantes ou festas de disfraces e pixamas cheas de risas. Vivimos tamén a emoción das olimpiadas, refrescámonos nos xogos de auga, construímos búnkers misteriosos e, como toque especial, aprendemos a preparar deliciosas receitas con froitas frescas que nós mesmos fomos comprar ao mercado de Lugo.
En definitiva, foi un verán cargado de emoción, diversión e aprendizaxe. Agora só queda facernos unha pregunta: a onde nos levará a próxima aventura?
Andrea